Startups polo miúdo: SunRock Biopharma, anticorpos contra tumores dende Galicia

16 de abril de 2025

Con "Startups polo miúdo" tratamos de dar coñecer proxectos e startups galegas nas que a tecnoloxía teña unha presenza fundamental. Falamos de negocio pero centrámonos nas persoas, nas súas circustancias e no que ten que ver co contexto emprendedor galego.

Desta ocasión imos falar con Juan Buela que é o manager de SunRock Biopharma. Que fan? Esta xente traballa xerando anticorpos para tratar tumores malignos e todo feito dende Galicia. Imos ca entrevista!


1.     E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]

[SunRock]: En SunRock Biopharma, dedicámonos a desenvolver anticorpos terapéuticos para tratar tumores invasivos que aínda non teñen solucións efectivas.



2.     E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]

[SunRock]: O fundador é Laureano Simón, un pontevedrés que foi por medio mundo facendo ciencia e emprendendo ata que se deu conta de que onde mellor se está é na terriña. Así que en 2014 fixo o que calquera galego sensato faría: voltar as raíces e montar SunRock en Galicia.

E eu, outro pontevedrés, fixen o mesmo, pero sen tanto trote polo estranxeiro. A nosa sede? Pois en Santiago, que non hai mellor sitio para facer ciencia e tomar un bo viño ao saír do traballo.



3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]

[SunRock]: Observamos que moitos pacientes con tumores altamente invasivos carecen de tratamentos efectivos. Decidimos poñerlle remedio desenvolvendo anticorpos terapéuticos innovadores para cubrir esas necesidades médicas non cubertas.



4.     Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]

[SunRock]: Outra licencia dos nosos anticorpos terapéuticos. Apostamos por seguir facendo ciencia da boa, avanzar cos ensaios clínicos dos nosos anticorpos máis prometedores e, de paso, facer uns poucos amigos polo camiño. Que se hai que salvar o mundo, facémolo, pero mellor con compañía!



5.     Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]

[SunRock]: Pois mira, os suficientes para pagar os cafés sen ter que mirar a conta antes de darlle ao botón da TPV. E para o resto? Temos un EBITDA positivo e cartos abondo para seguir investigando e levando os nosos proxectos ata o punto de licencialos.

Iso si, se aparece alguén con máis cartos ca gañas de gastalos ben, sempre podemos falar...





6.   Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]

[SunRock]: Aquí tomamos o talento e a innovación moi en serio, pero tamén sabemos que sen un bo ambiente de traballo non hai xenio que aguante. Apostamos por unha mestura de traballo remoto e presencial, porque ás veces é mellor estar na casa en pixama e outras hai que verse as caras e discutir diante dun café.

Coidamos do noso equipo coma se fosen da familia (da boa, non desa que só aparece nas vodas), con formación continua e un ambiente de traballo onde se pode aprender, rir e, de cando en vez, queixarse do tempo.



7.   Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]

[SunRock]: Vicente Lustres, fundador de Biostatech. Non só pola súa capacidade de consolidar unha empresa referente na análise de datos nun mercado complexo, senón tamén pola súa resiliencia, a súa aposta constante pola calidade e, sobre todo, por ser un bo tipo que sempre está aí cando o necesitas.

No mundo da biotecnoloxía, rodearse de xente que vale e que, ademais, é de fiar, é un luxo.



8.    A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]

[SunRock]: Se hai algo que bota en falta o ecosistema galego, é un mellor acceso á financiación nas fases de consolidación. Porque arrancar, arrancamos, e con xeito, pero cando xa demostramos que sabemos o que facemos, resulta que hai que seguir demostrando.

E aí é onde moitos quedan atrapados no medio do río, sen barca, sen remo e cun par de pedras nos petos. Que hai talento e bos proxectos en Galicia? Pois claro! Pero se non chega a pasta no momento xusto, non hai meiga que o arranxe.




Graciñas, Juan, por compartir o que é SunRock Biopharma!

Seguiremos contando máis historias reais de proxectos nados en Galicia nesta sección. E ti, queres aparecer neste espazo de ''Startups polo o Miúdo''? Contacta connosco en info@startup.gal

Startup Galicia

A túa comunidade en Galicia

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecositema galego.

Newsletter de Startup Gal