Startups polo miúdo: Humara, deseñando plantas de xestión de residuos

Por
Startup Galicia
o
24/10/2024

A sección de "Startups polo miúdo" pretende ser ese pequena porta de entrada a coñecer proxectos galegos con tecnoloxía de fondo. Facémolo con moito mimo, poñendo foco no máis importante deste ecosistema: as persoas e os seus proxectos.

Hoxe toca falar de Humara ca sua co-fundadora, Laura Rodriguez. Humara creou un proceso moi estruturado para deseñar plantas de xestión de residuos, de xeito que aforren tanto custos de construcción como de xestión. Imos aló!

1. E logo... que?  Describe cunha frase a túa startup

[Humara]: En Humara, combinamos tecnoloxía pioneira coa nosa visión de enfrontar un dos maiores desafíos do século: a xestión sostible de residuos. Desenvolvemos ferramentas de software que permiten ás empresas deseñar e operar plantas de tratamento de residuos máis eficientes e avanzadas, logrando un aforro significativo en tempo e recursos e permitindo recuperar a maior cantidade posible de materiais dos residuos, en calquera lugar do mundo.

2. E vos de quen vides sendo? Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados....

[Humara]: Somos un equipo 100% localizado en Galicia. En Humara xuntamos o mellor talento e a nosa andaina arranca coa experiencia do equipo fundador. Tras máis dunha década traballando no deseño, construción e operación dalgunhas das plantas de tratamento de residuos máis punteiras de Europa, decidimos darlle unha volta ao conto.

Martín máis eu coñecémonos traballando no sector, metidos de cheo nos proxectos. Alí aprendimos que, ás veces, a tecnoloxía non acompañaba e todo ía máis lento do desexado, especialmente nas primeiras catro semanas de calquera proxecto.

E despois apareceu Víctor. Os dous coñecíamos dende sempre, estudamos xuntos, e xa sabiamos que era a peza que faltaba. Cando pensamos en alguén que fixera maxia coas ferramentas tecnolóxicas, a resposta foi clara: Víctor, o noso crack da programación, sempre de confianza. E así, coas ganas e as ideas ben claras, naceu Humara!

3. Outra vaca non millo. Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?

[Humara]: Precisamente cambiar o statu quo de cómo se conciben estas plantas e os seus procesos de enxeñería asociados. 

Cambiar un sector é algo que leva moito traballo e necesítanse moitos recursos, esforzo e apoio. En Humara gústanos crer que achegamos o noso gran de area para facer que esta tecnoloxía poida levar ás plantas de residuos a lugares nos que realmente serán necesarias.

Deseñamos a ferramenta coa que soñábamos nós. A nosa experiencia ensinábanos que, ao non existir unha ferramenta estandarizada, moitas das decisións de enxeñería que se tomaban na concepción destes proxectos baseábanse en estimacións e aproximacións. Cremos firmemente que a tecnoloxía debe axudar a tomar as decisións en datos, sobre todo en proxectos nos que intervén gran cantidade de investimento e nos que a forma en como se deseñe ten un impacto brutal en como se opera a planta e nos recursos que se recuperan a posteriori. 

Grazas a Humara Design convertemos un proceso de 4 semanas en minutos, e dispoñemos de datos en tempo real de máis de 136 países, co que o proceso de deseñar unha planta nun país complexo optimízase drasticamente.

4. Malo será que non academos... Próximos pasos. Que obxectivos tedes? 

[Humara]: Vender como tolos. Xa traballamos con varias das empresas líderes do sector, tanto nacionais como internacionais, pero nesta fase o noso obxetivo e consolidar ventas.

5. Cantos cartos tedes no banco? Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :)

[Humara]: Temos pasta no banco porque, ademáis dos nosos clientes, o ano pasado levantamos unha rolda de investimento privado con fondos de impacto españois e europeos, ademáis de BA’s do sector residuos. Por outra banda, fomos bastante hábiles co financiamento público, punto importante en empresas tencolóxicas como a nosa, cuxo desenvolvemento de produto é longo e os tempos ata saída comercial alónganse.

6. Na miña terra, faise así. Cales son os vosos valores? Traballo a distancia ou en persoa? Como coidades do talento?

[Humara]: Os nosos valores son confianza no equipo, liberdade e responsabilidade. Buscamos a xente boa que estea aliñada co que facemos e dámoslles a liberdade para que saquen o seu potencial. Non nos gusta o micromanaging. 

Traballo remoto, pero construíndo un sistema híbrido. Vémonos cada certo tempo en Tui para facer piña e manternos aliñados. 

Confianza na tecnoloxía: temos un background moi industrial e movémonos pola confianza de que só a tecnoloxía aplicada xunto coa experiencia no sector poderán acelerar a transformación dun sector tan tradicional como o sector residuos.

7. Son máis listos ca un allo... Un emprendedor de referencia que admiras. Porque? Unha startup galega que recomendas. Porque?

[Humara]: Admiramos moito ao equipo de Teimas, dado que coñecemos de primeira man o difícil que é este sector, e abrir camiño, dende fai anos xa, como empresa tecnolóxica nun sector tan tradicional é todo un logro.

Por suposto admiramos tamén moitísimo ao equipo de Rated Power, sempre foron unha inspiración para nós, non só polo que conseguiron se non por cómo o conseguiron.

Dentro das startups galegas coñecemos ao equipo de Mentiness e encántanos a súa liña, é xenial desenvolver ferramentas tecnolóxicas que axudan aos managers a prepararse e afrontar situacións complexas. prender a xestionar persoas é un dos maiores retos aos que se enfronta unha startup na súa traxectoria, así que impulsar ferramentas que faciliten esa tarefa é realmente clave.

8. A camiño longo, pasos pequenos. Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?

[Humara]: Tal vez o que votamos en falta son máis espacios físicos onde relacionarnos con outras startups en fases similares e con retos similares. Unha expansión do que xa está a facer Startup Galicia nas oficinas de Bahía Software en Milladoiro, pero extendido a outros lugares de Galicia. Traballar en remoto ten moitas ventaxas, pero a conexión física e as oportunidades que trae a serendipia, son dificilmente replicables doutro xeito.

Moitas grazas, Laura, por profundizar sobre o teu proxecto para compartilo con toda a comunidade.

Nesta sección continuaremos a falar de proxectos nados en Galicia para o mundo. E ti, queres aparecer neste espazo de ''Startups polo o Miúdo''? Contacta connosco en info@startup.gal

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecosistema galego.