Startups polo miúdo: Fleepas, convertendo espazos en experiencias grazas á realidade aumentada
13 de septiembre de 2024
Se algo temos claro nesta terra e que aquilo que non se comunica, moitas veces non existe. Por iso queremos poñer o foco no máis importante desde ecosistema: as persoas e os seus proxectos. As persoas emprendedoras que están a traballar por revolucionar o panorama coas súas ideas innovadoras.
Hoxe estamos a falar Fleepas, que de seguro chama a tua atención polo nome pero chamara máis a tua atención polo que fan: converter calqueira espazo nunha experiencia de máis valor grazas á realidade aumentada. Conversamos con Martín Novoa, o seu fundador, para saber máis.
1. E logo... que? Describe cunha frase a túa startup
[Fleepas]: Fleepas desenvolve xogos móbiles de realidade aumentada nos espazos físicos das marcas, co obxectivo de crear un novo paradigma de interacción entre estas e os seus potenciais clientes.
2. E vos de quen vides sendo? Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados....
[Fleepas]: Actualmente son só eu, Martín Nóvoa. Fleepas é a miña primeira experiencia no mundo do desenvolvemento das apps (e por suposto de videoxogos). Anteriormente traballei con departamentos de IT de varias empresas galegas e internacionais, achegando fundamentalmente a visión de negocio dos produtos a desenvolver.
3. Outra vaca non millo. Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?
[Fleepas]: Tras o peche da pandemia apareceron moitas oportunidades para incrementar a clientela nos espazos dixitais da empresa na que traballaba. Polo contrario, case non tiñamos solucións efectivas para conseguir que os clientes volvesen ás tendas físicas.
Durante moitos meses todo o mundo tiña moito medo ós espazos pechados. Pareceume que unha nova capa de interacción dixital nestes espazos físicos podería xerar novos incentivos para atraer a moitos destes clientes, especialmente ós máis novos. Ademais, a evolución tecnolóxica da realidade aumentada facía esa visión cada vez máis viable. Vinlle moitas posibilidades así que, non o pensei moito, e lanceime.
4. Malo será que non academos... Próximos pasos. Que obxectivos tedes?
[Fleepas]: O obxectivo é publicar un novo xogo antes de fin de ano, FansGo. Será un xogo similar a PokemonGo, pero no canto de capturar Pokemons, haberá que capturar produtos das marcas participantes e os seus patrocinadores, cos que os xogadores poderán equipar o seu avatar virtual.
Os produtos máis raros só se poderán atopar preto dos espazos onde estas marcas teñen presenza, como tendas ou estadios deportivos. De feito, algúns deles conseguiranse a través de xogos de realidade aumentada no que moitas persoas participarán á vez, conseguindo non só premios do propio xogo, senón obsequios reais das marcas. Isto último xa o estamos facendo agora cun equipo de primeira división de fútbol nos días de partido, e está funcionando moi ben.
Con FansGo pretendemos enriquecer e aumentar esa visión.
5. Cantos cartos tedes no banco? Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :)
[Fleepas]: Fleepas é 100% bootstrap. FansGo é un produto complexo que se beneficiaría moito dun pequeno equipo de especialistas. Pero a primeira versión é perfectamente viable sen financiamento externo. Se funciona, despois xa se verá...
6. Na miña terra, faise así. Cales son os vosos valores? Traballo a distancia ou en persoa? Como calidades do talento?
[Fleepas]: Dentro de que case todo o que estou facendo é novo para min (incluído programar, pero aínda máis difícil me resulta traballar o aspecto estético ou de UX) intento que todo teña unha sensación profesional, como o de calquera outra app punteira do mercado, e que achegue algo interesante ao usuario final. Esa autoesixencia creo que é o que me pode levar a facer produtos atractivos, innovadores e sobre todo divertidos.
7. Son máis listos ca un allo... Un emprendedor de referencia que admiras. Porque? Unha startup galega que recomendas. Porque?
[Fleepas]: Calquera equipo que intente levar a cabo unha idea baseada nun cambio de paradigma de mercado, tecnolóxico ou regulatorio ten moito mérito, incluso se finalmente non sae adiante. Hai tantos exemplos coñecidos por todos que non me podería decantar por ningún.
Quizais un produto que me está impactando moito estas últimas semanas é o LLM Claude 3.5 Sonnet. Con el podo crear cousas nunhas poucas horas que doutro xeito seguramente nin me atrevería a investigar. Así que, o meu respecto para a xente de Anthropic... pero a semana que vén seguramente fleeparei con outra cousa.
8. A camiño longo, pasos pequenos. Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?
[Fleepas]: Máis xente que se anime a lanzar proxectos un pouco "tolos" coma o meu, pero cunha estratexia viable a curto prazo e con visión bestial no longo. Ir polo "Home run" e pensar que tamén o podemos facer desde aquí. Entendo que é moi complicado meterse nalgo así sen financiamento externo, e sabendo que as probabilidades de éxito son moi baixas.
Pero se algún o peta... sería un pulo moi interesante para Galicia... estaría ben encontrar unha maneira para que este tipo de ideas non se queden no caixón.
Martin, grazas por compartir connosco as tuas andanzas e aprendizaxes.
Volvemos próximamente con outra persoa protagonista. Se queres aparecer neste espazo de ''Startups polo o Miúdo'' contacta connosco en info@startup.gal
Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia