Startups polo miúdo: Monkey Markets, dixitalizando o comercio con China
20 de marzo de 2025

Con "Startups polo miúdo" tratamos de dar coñecer proxectos e startups galegas nas que a tecnoloxía teña unha presenza fundamental. Falamos de negocio pero centrámonos nas persoas, nas súas circustancias e no que ten que ver co contexto emprendedor galego.
Imos a ler as verbas de Iago Sanmartin, CEO de Monkey Markets. O seu proxecto adícase, en esencia, a facilitar o comercio entre China e o resto do mundo dixitalizando ó máximo todolos procesos.
Adiante!
1. E logo... que? [Describe cunha frase a túa startup]
[Monkey Markets]: Somos unha porta dixital de entrada ao maior mercado do mundo, China.
2. E vos de quen vides sendo? [Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados..]
[Monkey Markets]: O equipo fundador está composto por Sebastian Wornham, que estudou chinés e relacións públicas e que, ademais da súa formación específica, leva 10 anos traballando no comercio internacional con China, e Iago Sanmartín, especializado en comercio internacional con China, cun máster en xestión de empresas e unha ampla traxectoria empresarial.
3. Outra vaca no millo. [Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?]
[Monkey Markets]: Facilitar a venda nun mercado como o de China, que é o máis complexo do mundo, pola lingua, pola competencia e polas barreiras administrativas.
4. Malo será que non academos... [Próximos pasos. Que obxectivos tedes?]
[Monkey Markets]: Convertérmonos en referentes nos sectores nos que nos estamos posicionando, que son a carne e o atún vermello.
5. Cantos cartos tedes no banco? [Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :) ]
[Monkey Markets]: Pois agora mesmo estamos a completar a nosa última ampliación de capital xa pactada, con ideas moi claras sobre a onde queremos dirixir tanto os nosos esforzos como o capital do que dispoñemos.
6. Na miña terra, faise así. [Cáles son os vosos valores? Traballo remoto ou presencial? Como coidades do talento?]
[Monkey Markets]: Combinamos teletraballo e presencialidade, pero coa nosa base en Lugo grazas ao fondo Lugo Transforma, unha inciativa do concello lucense.
7. Son máis listos ca un allo... [Un emprendedor de referencia ao que admires. Por que? Unha startup galega que recomendedes. Por que?]
[Monkey Markets]: Unha startup que admiramos é REVEL | Renting de coches a nivel España, porque Daniel axudounos moito cando fixemos a nosa primeira rolda de investimento. E se falamos dunha galega, diría Osigris, que é unha startup consolidada e que creo que dará un gran salto neste 2025.
8. A camiño longo pasos pequenos. [Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?]
[Monkey Markets]: Pois diría que o que falta é que os bancos aposten realmente máis por esta liña. Hai persoas que están a facer moito ben, como Andrés del Río, director de startups do Sabadell.
A nivel institucional, para nós IGAPE, Xesgalicia e Lugo Transforma foron claves, así que pediría que sigan traballando nesa liña e que incrementen o seu apoio. Por último, os fondos de investimento deberían continuar apostando polas startups, como fan os nosos socios de Netaccede.
Moitas grazas a Iago por ternos falado do seu marabilloso proxecto empresarial.
Seguiremos compartindo máis historias reais de proxectos nados en Galicia nesta sección. E ti, queres aparecer neste espazo de ''Startups polo o Miúdo''? Contacta connosco en info@startup.gal

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia