Startups polo miúdo: Himikode, unha startup do sector foodtech especializado en garantir a calidade do café elaborado en cafeterías
2 de agosto de 2024
Se algo temos claro nesta terra e que aquilo que non se comunica, moitas veces non existe. Por iso queremos poñer o foco no máis importante desde ecosistema: as persoas e os seus proxectos. As persoas emprendedoras que están a traballar por revolucionar o panorama coas súas ideas innovadoras.
Desta volta tocoulle o turno a Himikode, unha startup do sector foodtech especializado en garantir a calidade do café elaborado en cafeterías. Falamos coa sua CEO e Co-Founder Noemí Rodríguez e contámosche todos os segredos.
1. E logo... que? Describe cunha frase a túa startup
[Himikode]: Somos unha compañía experta na dixitalización da canle HORECA (HOteis, REstaurantes e CAfeterías) mediante solucións tecnolóxicas baseadas en datos e IA para a industria alimentaria que opera nesta canle.
O noso obxectivo é transformar os puntos de venda físicos en fontes de información que aporten coñecemento a esta industria nas diferentes etapas da súa cadea de valor para garantir a calidade na experiencia de consumo e aumentar a súa rendibilidade e eficiencia.
2. E vos de quen vides sendo? Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados....
[Himikode]: Xurdimos en Lugo en 2019 despois de coñecer ao socio cofundador e actual COO, Raúl G. Bayón, durante o desenvolvemento dun proxecto de consultoría de innovación estratéxica para un importante tostador de ámbito nacional.
Durante este proxecto, identificamos que as marcas alimentarias, neste caso os tostadores de café, non coñecían ao seu consumidor final nin sabían o que ocorría co seu produto no punto de venda hostaleiro. Esta foi a chispa que nos puxo no camiño de crear Himikode para resolver este problema.
3. Outra vaca non millo. Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?
[Himikode]: Resolvemos a falta de visión da industria alimentaria nos puntos de venda físicos dos seus clientes hostaleiros.
Para entender a necesidade que cubrimos, é necesario explicar que as marcas alimentarias que operan en HORECA (HOteis, REstaurantes e CAfeterías) fan unha importante inversión nos equipamentos para elaborar o seu produto -máquinas espresso, muíños, grifos de cervexa, neveiras...-.
Sen embargo, a pesar de manter a propiedade e ser responsables do mantemento dos equipamentos, perden o control sobre o estado, a ubicación e, o que é máis importante, sobre o resultado final do produto que se sirve ao consumidor final, poñendo en risco a reputación da súa marca.
Comezamos polo vertical do café por ser o produto que maior transformación require no punto de venda. O noso produto HKoffee by Himikode, dalle a volta a esta situación e onde ata agora só tiñan gasto, grazas á nosa tecnoloxía, convértese nunha fonte valiosa de información que aumenta a súa eficacia e rendibilidade, reduce perdas, aforra custos, garante unha maior calidade e consistencia en cada taza e permite ofrecer un mellor servizo aos seus clientes hostaleiros, para que o consumidor saboree sempre o mellor café.
Por exemplo, un tostador de café que ten 20.000 ou 30.000 equipamentos distribuídos por todo o territorio pode ter, a través de HKoffee, o control en tempo real de onde están, se están funcionando óptimamente, se están producindo o que necesitan, os kilos de café que consumen, se a calidade de cada taza elaborada está dentro dos parámetros da súa receita...
Para os tostadores de café, sobre todo para os medianos e pequenos, o custo de entrada no I+D+i para resolver este problema era moi alto. Este esforzo asumímolo nós, con recursos propios e axudas públicas, o que fai que saiamos ao mercado cun produto que cubre unha gran necesidade e que requiriu unha aposta económica e técnica moi alta.
4. Malo será que non academos... Próximos pasos. Que obxectivos tedes?
[Himikode]: Actualmente HKoffee está implantado a nivel nacional, pero o noso obxectivo é implantarnos en catro países de aquí a 2027, España, Portugal, Italia e Francia. É un obxectivo ambicioso para o que acabamos de pechar unha ronda de inversión. Para ese ano prevemos multiplicar por 12 o noso volume de negocio e duplicar a nosa plantilla.
Tamén estamos traballando para entrar noutros tramos da cadea de valor do café como son os distribuidores alimentarios e o HORECA organizado especializado en café (cadeas e franquicias).
De forma paralela, estamos desenvolvendo novos proxectos innovadores, en colaboración con centros tecnolóxicos galegos e nacionais que nos permitirá abrirnos a novos verticais alimentarios que operan en HORECA nun futuro próximo, como son os fabricantes de cervexas, repostería de quinta
gama, xeados artesáns, zumes..., asegurando a escalabilidade do noso modelo de negocio e o crecemento a novos mercados.
5. Cantos cartos tedes no banco? Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :)
[Himikode]: Ata o momento financiámonos con recursos propios e fondos públicos de entidades como GAIN, IGAPE ou a Consellería de Emprego, conseguindo máis de cincocentos mil euros en financiación pública durante estes 5 anos de actividade.
Acabamos de pechar a nosa primeira operación de ronda de case 1M€ para aumentar o equipo técnico e comercial co que desenvolver un go-to-market rápido que nos permita escalar as implantacións de HKoffee. Esta inxección de capital non só ten un valor puramente financieiro, senón que tamén supón a validación da nosa estratexia de negocio de aquí a 2027.
Pero isto é só o comezo desta nova etapa de Himikode. Xa estamos deseñando e traballando na seguinte ronda de inversión coa que asentarnos no mercado europeo e consolidarnos como unha empresa tecnolóxica de referencia.
6. Na miña terra, faise así. Cales son os vosos valores? Traballo a distancia ou en persoa? Como calidades do talento?
[Himikode]: O meu maior valor como CEO son as persoas que me acompañan, comezando polo meu socio, COO e cofundador de Himikode e gran compañeiro nesta aventura.
E despois, o equipo, como en todos os equipos profesionais, están as persoas. Eu chámoos ese exército que sae ao campo de batalla a gañar; contigo sempre, sen descanso e compartindo a mesma visión e paixón, o equipo que está disposto a todo para que saia adiante o proxecto.
Temos un compromiso co tecido produtivo lucense e galego e esta nova etapa permitiranos xerar máis de 10 empregos directos e máis de 30 indirectos. Tamén nos comprometemos activamente na formación de talento, colaborando cos centro de formación técnicos galegos, apoiándoos con charlas
de difusión, non só para alumnos, senón tamén para sensibilizar ao profesorado nas novas tecnoloxías, como por exemplo a Intelixencia Artificial.
Facemos un esforzo especial para poder captar o talento técnico e en feminino, xa que as empresas que nos dedicamos ás novas tecnoloxías necesitamos talento, é a base de calquera boa receita empresarial.
No noso modelo de traballo temos un enfoque híbrido, cunha infraestrutura preparada para traballo en remoto e unhas instalacións físicas para aqueles membros do equipo que polo seu rol teñen que estar presencialmente na sede da empresa. A nosa preferencia é que o equipo estea motivado e cómodo e que cumpran cos seus obxectivos.
7. Son máis listos ca un allo... Un emprendedor de referencia que admiras. Porque? Unha startup galega que recomendas. Porque?
[Himikode]: Aínda que sempre é complicado elixir a unha única persoa, sen dúbida teño que mencionar a Elio López, cofundador de Innogando. Coñecín a Elio hai anos e sempre me impresionou a súa paixón por empregar a tecnoloxía para resolver os problemas reais dos gandeiros e xerar un impacto positivo no territorio. É unha persoa apaixonada polo seu traballo e cun gran compromiso coa mellora da calidade de vida do sector gandeiro a través da innovación, algo que admiro profundamente. Ademais existe entre nós un salto xeracional, o que fai que teñamos unha amizade estreita e que xere sinerxias moi interesantes.
Por extensión, destaco a súa startup, Innogando. A forma en que Elio e o seu equipo abordan o reto de mellorar a calidade de vida dos gandeiros e incrementar a rendibilidade das súas explotacións, sen descoidar o benestar animal e a mellora da reputación do sector no noso territorio é un claro exemplo de como a innovación pode ser aplicada de xeito efectivo para producir cambios positivos significativos.
8. A camiño longo, pasos pequenos. Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?
[Himikode]: Estamos nun ecosistema un pouco máis maduro. Xa hai empresas que alcanzan os seus plans de negocio cos seus proxectos emprendedores, o que fai que os seus promotores volvan emprender e se convertan en inversores de outras startups, nutrindo así o noso ecosistema emprendedor.
Falta atraer inversores de fóra para que coñezan os nosos proxectos e así posicionarnos como referentes a nivel nacional no emprendemento e estean dispostos a poñer o seu capital e impulsar aos inversores galegos a invertir en startups.
Por último, tamén considero necesario reforzar o coñecemento dos novos modelos de negocio ás entidades financeiras e ás sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia, para facilitar a comprensión dos nosos modelos de negocio e axilizar a xestión de operacións imprescindibles.
Moitas grazas Noemí por participar e facer parte de este ecosistema en crecemento!
Volvemos a vindeira semana con outro protagonista, se queres aparecer neste espazo de ''Startups polo o Miúdo'' contacta connosco en info@startup.gal
Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia