Startup Galicia da man: conectando coas ideas da comunidade
Somos a comunidade que facemos. Non existe Startup Galicia se non existe a dinámica de comunidade, impulsada polas persoas que participan nela, emprenden e desenvolven proxectos relacionados coa innovación e a tecnoloxía. Por esta razón, un dos obxectivos que pretendemos acadar- e que está presente xa no manifesto de Startup Galicia - é a posta en marcha de iniciativas de mentorización, formación e financiamento de proxectos.
Mentorizar significa transmitir coñecemento e experiencia dunhas persoas que participan na comunidade a outras. Así mesmo, mentorizar implica tamén axudar a que as persoas que queiran facer medrar o seu proxecto empresarial desenvolvan unha perspectiva ampla do empredemento que lles permita analizar e tomar decisións da mellor maneira posible. Partindo deste principio e do interese de Startup Galicia por seguir construíndo comunidade, axudando a que esta sexa cada vez máis rica e ampla, xorde Startup Galicia da man, unha iniciativa de mentorización de proxectos empresariais que se desenvolverá dentro do programa de actividades da Maker Faire Galicia, evento que este ano terá lugar do 18 ao 22 de novembro. Pero, qué é Startup Galicia da man?
Unindo persoas con ideas e persoas que emprenderon
Tes unha idea empresarial pero non sabes como desenvolvela? Es un xenuíno "maker" pero non tes claro como estruturar o teu modelo de negocio? Queres crear unha empresa que se poida escalar? Se a resposta ás cuestións anteriores é un "Si" rotundo, a comunidade “estartapeira” galega quere botarche unha man!
Como? Soamente tes que contarnos a túa idea e os experimentados integrantes de Startup Galicia, persoas expertas en diversas materias (tecnoloxía, empresa, financiamento, etc), falarán contigo para orientarte.
Participa en Startup Galicia da man
Os pasos para participar son moi sinxelos:
- Colle un caderno ou un documento dixital e describe a idea que che leva dando voltas nos miolos dende fai tempo.
- Cubre o seguinte formulario contando a túa idea e indica o teu correo electrónico.
- Dentro dunhas semanas, contactaremos contigo para que nos indiques a túa dispoñibilidade horaria para conversar co equipo expert@s de Startup Galicia.
- Rexístrate na Maker Faire Galicia. Con iso, poderás acceder á mentoría e a moitas máis actividades.
- No horario e a data que escollas, conectaredes por vídeo-chamada durante 40 minutos. Desta forma, a persoa do equipo de Startup Galicia coa que fales poderá guiarte sobre os seguintes pasos para converter a túa idea nun proxecto real (e rendible!), conectarte con persoas relevantes, etc
Anímate a participar! E non teñas vergoña de contarnos a túa idea, a mellor forma de avanzar é compartindo! Ademáis, non deixes de prestar atención ás diversas actividades que se van desenvolver de xeito virtual na Maker Faire Galicia deste ano.
Así foron as mentorías
Dende o primeiro momento, a nosa idea non era chegar a moitísima xente pero si conseguir o maior impacto posible aconsellando ás persoas participantes sobre os seguintes pasos a dar para desenvolver as súas ideas e proxectos.
Durante as mentorías, falamos cun rapaz sobre o seu proxecto de contidos sobre videoxogos. Neste encontro, analizamos o desenvolvemento de toda a súa idea, dende a captación de tráfico web ata a negociación de afiliados. Así mesmo, tamén aconsellamos sobre planificación de proxectos e sobre aspectos tecnolóxicos a unha rapaza que desexa crear una plataforma de contidos audiovisuais.
Tratamos a importancia da comunicación dun proxecto dentro dunha contorna de incerteza, falando da forma de comunicar e xestionar unha rolda de financiamento a un creador dun proxecto cuxo obxectivo era acadar as mellores imaxes en función da contorna. Por outra banda, tamén traballamos no proceso de captación dos primeiros clientes e na estruturación dunha rolda de financiamento cos artífices dun proxecto de impresión en 3D.
En definitiva, abordamos varios dos temas que deben traballarse nun proxecto emerxente que nace nun sector ou nunha contorna na que a incerteza é máxima e que require afrontar a evolución do negocio de forma iterativa e cun enfoque centrado en convertelo nun negocio que escale.
O que nós aprendemos das mentorías
Seguramente a maior aprendizaxe destas pequenas mentorías foi que un valor moi grande que pode achegar á comunidade é experiencia de campo. Son as persoas emprendedoras as que pelexaron e foron abríndose camiño nunha contorna descoñecida e incerta. Trasladar esa experiencia non soamente resulta satisfactorio para a persoa que a recibe senón tamén para quen a achega.
Dende logo, cada proxecto, cada sector e cada situación é distinto pero hai aspectos que se comparten e que a persoa está iniciando o camiño seguramente non coñeza. Tratamos de achegar o máximo valor indicando os pasos que vemos axeitados e tratando de achegar tanto coñecementos como ferramentas e novos camiños para que as persoas emprendedoras poidan ir facendo o seu camiño un pouco mellor e máis rápido.
Graciñas!
As persoas que estamos detrás desta pequena gran comunidade queremos trasladar o agradecemento ás persoas que quixeron conversar con nós e, por suposto, á organización da Maker Faire por darnos a posibilidade de realizar esta acción. Graciñas!
Suscríbete as novidades de Startup Galicia
Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecosistema galego.