Startup Galicia e ABANCA anuncian convenio de colaboración para impulsar o ecosistema galego de startups
16 de octubre de 2023
Hoxe vimos aquí a compartir unha gran nova contigo, xa que vimos de asinar un convenio con ABANCA Innova, a ferramenta de Open Innovation de ABANCA, para colaborar no crecemento do ecosistema galego de startups.
Como seguramente xa sabes, o noso obxectivo é o de promover e apoiar o emprendemento tecnolóxico en Galicia, un sector incipiente pero que se vai converter nunha fonte de riqueza e emprego na rexión nos próximos anos.
Dende a nosa creación, Startup Galicia conseguiu vertebrar a comunidade de emprendemento local, dando pasos para fortalecelo dende o traballo voluntario das persoas que compoñen a nosa directiva, así como tamén do apoio desinteresado dun gran número de persoas e empresas que comparten os mesmos obxectivos entre os que seguramente, tamén estás ti.
Actualmente estamos en pleno proceso evolutivo da nosa estrutura, co fin de incrementar a nosa presenza no ecosistema, dar máis apoio aos emprendedores e empresas que o conforman, e garantir a súa estabilidade en colaboración con outras empresas galegas.
ABANCA foi a primeira empresa en apoiar esta nova etapa de Startup Galicia.
“Estamos moi contentos de conseguir o apoio de ABANCA”, comenta Daniel Cerqueiro, presidente de Startup Galicia. “ABANCA leva moitos anos sendo unha peza fundamental do ecosistema local a través das súas diferentes iniciativas. Este acordo vén reforzar a colaboración entre ambas entidades para traballar nos obxectivos comúns que nos marcamos para Galicia”.
A colaboración entre ABANCA Innova e Startup Galicia centrarase en axudar a ABANCA na visibilidade das diferentes iniciativas emprendedoras que realiza tódolos anos, así como tamén en axudar á entidade financeira a atopar empresas tecnolóxicas galegas coas que poder colaborar, tanto comercialmente como a nivel de investimento.
“Dende o seu nacemento en 2016, ABANCA Innova ten como obxetivo fundamental apoiar o ecosistema emprendedor en Galicia“. Neste contexto, “non podíamos máis que unirnos con Startup Galicia para promover e dar a coñecer as iniciativas innovadoras con orixe na rexión”, declara Eduardo Aldao, director de Innovación de ABANCA
Sobre Startup Galicia:
Startup Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter multisectorial, constituída en 2016 co obxectivo de converterse nunha comunidade aberta, forte, dinámica, conectada e colaborativa de persoas ligadas ao emprendemento tecnolóxico e innovador en Galicia. Malia que este sector aínda é incipiente ten unha gran capacidade para xerar valor, riqueza e emprego de calidade. A entidade agrupa a máis de 100 persoas socias espalladas por toda Galicia ligadas ao emprendemento que representan a case 80 empresas e que xeran preto de 7.000 empregos directos.
Sobre ABANCA Innova:
ABANCA Innova é o departamento de innovación aberta de ABANCA, conta cun programa de colaboración con startups no que busca iniciativas do ámbito de negocio da entidade cos que poder probar as súas solucions nun piloto dentro dunha contorna controlada de risco. Tamén se encarga da xestión do programa de intraemprendemento da entidade e desenvolve o labor de observatorio tecnolóxico e de novas tendencias.
Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia