Preguntas e respostas en relación ás medidas decretadas polo Goberno ao establecerse o estado de alarma como resposta á propagación do virus COVID-19
29 de octubre de 2023
A extraordinaria situación que estamos vivindo como consecuencia do COVID-19 levou ao Goberno a establecer unha serie de primerias medidas económicas, recollidas no Real Decreto-lei, que aparece publicado no BOE do pasado mércores 18 de marzo (Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19).
Posto que a publicación das devanditas medidas xerou numerosas dúbidas no ecosistema emprendedor galego, a comunidade do noso Furancho (o Slack do ecosistema emprendedor galego) creou unha canle específica na que se formularon e resolveron diferentes dúbidas relacionadas coa aplicación das medidas recollidas no Real Decreto.
Entendedo que a información compartida ata o momento na devandita canle de Slack pode ser de interese para a totalidade da comunidade emprendedora procedemos a recompilala neste documento. Seguindo o esquema do debate xerado no Furancho, a información recollida neste documento spreséntase en forma de pregunta (P) resposta (R).
Dende aquí queremos agradecer a todas as persoas que formades parte do noso Furancho, e especialmente a Anxo Barreiro (Director de BV Asesores) o tempo dedicado a compartir de xeito desinteresado todo o voso coñecemento coa comunidade nestes tempos tan complicados que nos está tocando afrontar.
Pregunta (P): Cales son as principais medidas que se derivan da aplicación do Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19?
Resposta (R): De forma moi xeral, as principais medidas concretas que se derivan deste Real Decreto-lei son as seguintes:
A paralización do pago de hipotecas, luz e auga para persoas en situación de vulnerabilidade económica.
A creación dunha prestación extraordinaria por cese de actividade para persoas autónomas.
A consideración dos ERTE causados directamente polo COVID-19 como ERTE de forza maior.
A creación de novas liñas de avais e financiamento. .
A paralización dos prazos administrativos a efectos de requirimentos e inspeccións, pero non no que respecta á presentación de autoliquidacións, impostos nin de liquidacións da Seguridade Social.
P: Que é un ERTE?
R: Un ERTE (Expediente Regulador Temporal de Emprego) é un mecanismo de axuste temporal de actividade da empresa que permite suspender temporalmente os contratos das persoas traballadoras e reducir a xornada laboral. O obxectivo dun ERTE é evitar que a situación coxuntural actual teña un impacto negativo de carácter estrutural sobre o emprego permitindo realizar suspensións de emprego, en vez de despidos.
P: Que consegue a empresa coa realización dun ERTE?
R: A empresa consegue liberar carga salarial, xa que as persoas empregadas pasan á situación de desemprego mentres se manteña a suspensión do contrato. As empresas de máis de 50 persoas traballadoras estarán exentas do pago do 75% da contribución empresarial á Seguridade Social. A exención será do 100% da contribución no caso de empresas de menos de 50 persoas traballadoras.
P: É necesario que a persoa traballadora dunha empresa afectada por un ERTE teña cotizado un tempo mínimo para acceder á prestación contributiva por desemprego?
R: Non. Estas persoas poderán acceder á prestación contributiva por desemprego aínda que non conten co período de cotización necesario para ter acceso á mesma. Ademais, o tempo durante o que cobren dita prestación contabilizaralles como tempo cotizado.
P: Contémplase o aprazamento de impostos no Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19?
R. Si, permítese o aprazamento de todos os impostos (mesmo os que habitualmente son inaprazables, como as retencións das persoas traballadoras) a 6 meses sempre e cando o importe total dos aprazamentos se sitúe por debaixo dos 30.000€. Deses 6 meses, os 3 primeiros son sen intereses. Nalgúns casos (IVE e pago fraccionado das persoas traballadoras autónomas) permítese o aprazamento ata 12 meses.
P: As medidas de aprazamento, afectan tamén aos prazos de presentación/liquidación?
R: Non. O que si se permite é o aprazamento de obrigas tales como o IVE, as retencións ou os seguros sociais, entre outros. O que non se permite é a súa presentación fóra de prazo, é decir, o pagamento pódese aprazar pero a documentación tense que presentar no prazo que corresponda (como antes de que se declarase o estado de alarma). En caso contrario, a empresa/persoa autónoma podería ser sancionada.
P: Cal é a contía da axuda establecida para as persoas traballadoras en réxime autónomo?
R: A axuda a percibir será o 70% da base reguladora, durante un mes, pero poderíase prorrogar. Para solicitar esta axuda é preciso xustificar unha caída de facturación do 75% ou máis, ou atoparse nun dos sectores afectados pola suspensión de actividade obrigatoria.
P: Hai algunha páxina web ou blogue de referencia que se poida consultar para a resolución de dúbidas?
R: Actualmente a única fonte fiable para manterse informado/a das medidas que se vaian tomando é o Boletín Oficial do Estado. NOta: Ollo cos bulos e publicacións de fontes non oficiais!
P: Ata o momento, ¿hai algunha implicación legal relativa ao teletraballo?
R: Non, polo de agora.
P: Cal é o período de aplicación das medidas tomadas ata o momento polo Goberno?
R: As medidas serán de aplicación namentres dure a situación de alarma sanitaria.
Estas son as dúbidas que foron formualdas e resoltas no Furancho de Startup Galicia ata o día 19 de marzo. Se ti tamén queres compartir inquedanzas, apoiar á comunidade emprendedora resolvendo novas cuestións ou consultar información máis actualizada, convidámoste a que te unas premendo na seguinte ligazón: http://i.gal/Furancho (channel: covid-19)
Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia