ABANCA busca proxectos innovadores para a octava edición do seu Programa para Startups

Por
Startup Galicia
o
12/5/2023

ABANCA, entidade colaboradora de Startup Galicia, acaba de abrir o prazo de inscrición para participar na oitava edición do Programa para Startups de ABANCA Innova, unha iniciativa feita a medida de empresas emerxentes con propostas de valor innovadoras nos sectores de fintech, insurtech, regtech ou cibersecurity. O programa mantén a formulación das súas edicións anteriores e oriéntase a proxectos en etapas temperás, con produto no mercado, pero tamén a startups xa consolidadas con tracción e métricas recorrentes.

O prazo de inscrición para participar no Programa para Startups de ABANCA Innova xa está aberto e finalizará o próximo 14 de xuño. O envío de candidaturas debe realizarse a través da web de ABANCA Innova. Tras o proceso de recepción e análise das propostas, terá lugar un comité formado por persoas de diferentes unidades de negocio do banco, que serán as encargadas de seleccionar ás startups que participarán, no mes de setembro, no bootcamp da seguinte fase.

Vantaxes do Programa para Startups de ABANCA Innova

As startups seleccionadas para o bootcamp participarán en keynotes e workshops con expertos do sector. Ademais, durante o mesmo, manterán catro reunións privadas coas áreas de Negocio, IT, Innovación e Investments do banco, e participarán en charlas informais con directivos e empregados de ABANCA. De entre as startups participantes, elixiranse a aquelas que sexan máis afíns ao negocio do banco e daráselles a oportunidade de validar a súa proposta de valor a través da definición e implementación dunha proba de concepto (PoC) coa entidade.

Durante este proceso de piloto, ABANCA asignará á startup un mentor corporativo relevante para a súa área de negocio, cuxa misión fundamental será a procura de sinerxias da startup coa compañía, polo que lles acompañará durante a definición e implementación da proba de concepto. O equipo de ABANCA Innova realizará sesións de seguimento con cada startup elixida e a análise dos resultados obtidos durante o piloto.

ABANCA Innova ofrece, ademais, a posibilidade de recibir investimento directo en capital. Para iso, as empresas poderán participar en diferentes Startups Days da entidade e asistir aos principais eventos de investimento do ecosistema nacional de emprendemento.

Durante o programa, as startups terán tamén acceso a distintos servizos, como o uso de Amazon Web Services, Google Cloud ou ferramentas de márketing dixital, comunicación e recursos humanos, entre outras. Tamén terán á súa disposición o centro de innovación de ABANCA Innova na Coruña, un espazo de coworking onde poderán convivir cos profesionais de ABANCA e o seu ecosistema de emprendemento. O programa conta, ademais, coa participación de HubIn, empresa especializada en innovación e emprendemento.

Conclúe a sexta edición e arrinca a fase final da sétima

Coincidindo coa posta en marcha da nova edición, chega ao seu fin a sexta edición do Programa para Startups de ABANCA Innova. Flanks, Wetalk AI, Mychoice2pay, Rentall Partners e Colibid, os cinco finalistas, culminaron con éxito as súas probas de concepto e xa se atopan traballando no escalado das súas propostas de valor en ABANCA.

Ademais, a sétima edición do programa inicia estes días a súa fase final coas startups Probely e Fleksy. Ambas as compañías estarán a implementar as súas tecnoloxías na proba de concepto durante o próximos tres meses.

Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia

Suscríbete as novidades de Startup Galicia

Recibe cada mes no teu correo as novidades máis importantes do ecosistema galego.