Startups polo miúdo: TimeTime, integrando os eventos e as reservas de forma sinxela
28 de octubre de 2024
A sección de "Startups polo miúdo" pretende ser ese pequena porta de entrada a coñecer proxectos galegos con tecnoloxía de fondo. Facémolo con moito mimo, poñendo foco no máis importante deste ecosistema: as persoas e os seus proxectos.
Desta vez estamos a falar con Iago Lastra, co-fundador da startup chamada TimeTime. O que fan é dotar de capas extras á complexa xestión de calendarios, eventos e reunións nas empresas. Conversamos con Iago para coñecer máis a fondo de que vai e como turra o seu proxecto. Adiante!
1. E logo... que? Describe cunha frase a túa startup
[TimeTime]: TimeTime é unha plataforma de xestión de reservas e calendarios. Permite de xeito sinxelo engadir capacidades de xestión de eventos e reservas a unha aplicación ou web.
Aínda que TimeTime ofrece un SaaS semellante a Calendly, o noso obxectivo está centrado en ofrecer unha API de marca branca e un motor de reservas xenérico para integrar en sistemas de terceiros.
Tamén imos máis alá de calcular dispoñibilidades e permitimos ata xestionar recursos como salas, mesas, padiolas, xestionar diferentes tipos de citas, configuración de políticas de prezos complexas, enviamos recordatorios e moitas cousas máis…
2. E vos de quen vides sendo? Describir brevemente o equipo fundador e como se coñeceu, onde estades ubicados....
[TimeTime]: Somos Odín del Río e Iago Lastra, dende Marín e Pontevedra respectivamente.
Coñecémonos hai máis de 15 anos, ambos patinamos (en skate) e os dous somos apaixonados pola programación e a tecnoloxía. Non era raro que quedásemos para patinar e acabásemos falando de sistemas distribuídos ou de boas prácticas de programación.
Tras varios anos na industria, como todo o mundo, comezamos a compartir observacións e opinións, e entre todo iso hai unha serie de puntos nos que estabamos (e estamos) moi aliñados: As empresas de software están sobredimensionadas. A certo tamaño, calquera cambio mínimo é super lento. Traballar para outros, no noso sector, dálle a un unha boa vida, pero se queres "pasar o xogo" hai que emprender.
Con todo isto, tiñamos a teoría de que hai moitos SaaS que se poden replicar cunha parte moi pequena de recursos, e de aí saíu a idea de lanzar TimeTime. A parte boa é que validamos que se pode lanzar algo facendo as cousas ben, con poucos recursos. A parte mala é que nos decatamos de que vender e facer marketing é a parte complicada das empresas.
3. Outra vaca non millo. Cal foi o problema que queriades resolver cando lanzáchedes o proxecto?
[TimeTime]: Pois en realidade... é interesante.
Ambos viviamos en Barcelona e sempre que falabamos da vida estabamos moi contentos pero dábamonos unha "nota vital" de 8 sobre 10.
Os dous traballabamos liderando equipos en startups cun salario máis que decente, pero ao final traballabamos para outros e iso implicaba horarios, reunións e todas as cerimonias das grandes empresas. Co tempo vimos claro que, por moi alto que chegues, como traballador por conta allea nunca acabas sendo dono do teu tempo…
Así que o problema que estamos intentando resolver é "vivir de 10". Iso implica tempo libre, diñeiro e paz mental, así que vimos claro que emprender era a única opción (risas).
Unha vez tomada esa decisión e como non tiñamos ideas, decidimos comezar por facer unha copia de Calendly. Vimos unha noticia na que estaba valorada en billóns e concluímos que construír as "core features" era realmente factible, así que... por que non? A cousa evolucionou e a día de hoxe ten vida propia.
4. Malo será que non academos... Próximos pasos. Que obxectivos tedes?
[TimeTime]: Pois mira, actualmente temos clientes totalmente variopintos. Unha das adegas de viños máis grandes de Cataluña utilízanos para axendar visitas e experiencias dende a súa web, temos recruiters que nos usan como un Calendly, temos a Hack a Boss (o noso primeiro cliente ao que lle temos especial cariño) que nos utilizan para xestionar titorías e revisións con alumnos, temos empresas de loxística que nos usan para coordinar descargas de camións, temos empresas de reparto que nos utilizan para coordinar unha entrega dun paquete a un cliente, temos despachos de avogados...
Todo o mundo nos di que nos centremos nun nicho concreto ou imos volvernos tolos e quizais teñan razón...
O noso cliente preferido son empresas de software que necesitan engadir scheduling ao seu sistema, xa que aí a conversa é de técnico a técnico, e aí é onde a nosa experiencia fai que nos movamos como peixe na auga.
5. Cantos cartos tedes no banco? Esta pregunta busca entender en que momento vos atopades: se fixechedes algunha rolda ou estades agora en rolda ou facedes bootstraping. A idea é que respondades unha horquilla ou que digades que agora mesmo "temos pasta porque fixemos a rolda en...." similar. Esto servirá para darvos visibilidade cos inversores :)
[TimeTime]: Pois temos a gran sorte de ser rendibles dende o minuto cero. Hai unha empresa americana que se interesou no proxecto e págannos un canon de uso de propiedade intelectual e adaptar o produto para os seus clientes. Con iso temos gasolina para medrar respectando en todo momento a nosa visión.
Isto fai que practicamente descartemos pedir financiamento para TimeTime, pero é certo que recentemente e dado que tiñamos diñeiro en caixa, compramos outra empresa (produto), cun nicho máis concreto, e aí si que valorariamos levantar unha rolda.
6. Na miña terra, faise así. Cales son os vosos valores? Traballo a distancia ou en persoa? Como coidades do talento?
[TimeTime]: Cáles son os vosos valores? Non facer nada do que non esteamos orgullosos e seguir sendo rápidos pase o que pase
Traballo remoto ou presencial? Iago leva traballando en remoto dende hai máis de 12 anos, non é negociable, pero ás veces gustaríanos ter unha oficina chea de xente só polas risas e para facer festas.
7. Son máis listos ca un allo... Un emprendedor de referencia que admiras. Porque? Unha startup galega que recomendas. Porque?
[TimeTime]: Supoño que Peter Levels (aínda que agora sexa un pesado) é culpable de visibilizar que é posible montar unha empresa rendible sendo poucos. En Galicia estamos namorados de Xoel e Christian (https://theirstack.com/), son o exemplo de como facer as cousas ben dende un punto de vista empresarial.
8. A camiño longo, pasos pequenos. Carta aos Reis Magos: Que falta no ecosistema emprendedor galego?
[TimeTime]: Falta visibilidade, emprender sempre nos pareceu como un "xogo para outros", ata que nos puxemos mans á obra e vimos que era factible, pero dar o paso é difícil!
Iago, estamos moi agradecidos por contarnos o teu proxecto e que o compartas con toda a comunidade.
Seguiremos compartindo máis historias reais de proxectos nados en Galicia nesta sección. E ti, queres aparecer neste espazo de ''Startups polo o Miúdo''? Contacta connosco en info@startup.gal
Startup Galicia
A túa comunidade en Galicia