Maker Faire Galicia 2021

Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Maker Faire Galicia 2021

Xuño 2 @ 8:00 AM - Xuño 6 @ 5:00 PM

De balde

A Cidade da Cultura, transformada nun entorno virtual en 360 graos, acolle un ano máis a Maker Faire Galicia, que chega á súa sétima edición repetindo co formato totalmente en liña estreado en 2020, que a converteu nunha das primeiras feiras maker do mundo realizada integramente a través da rede. No encontro, que terá lugar do 2 ao 6 de xuño, argalleiros e argalleiras de seis países diferentes (España, Arxentina, Xapón, México, EE.UU., Portugal e Brasil) presentarán os seus proxectos a través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Gaiás e na que as persoas asistentes poderán interactuar cos makers, participar en obradoiros e asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais.
Na que promete ser a edición máis internacional deste escaparate para a creatividade e o enxeño, poderán coñecerse medio cento de proxectos (34 deles galegos) presentados por makers, asociacións, empresas e centros de ensino. O encontro volve dedicar unha xornada exclusivamente ao ámbito da innovación educativa, na que ademais de tratar temas como o ensino do futuro, a gamificación, os espazos maker ou as comunidades de aprendizaxe, terá lugar un concurso de proxectos coa participación de 13 centros de primaria, secundaria e FP de toda Galicia, que optarán a diferentes galardóns.
O que xa é o evento maker máis importante da Península contará nesta edición con relatores da relevancia de César de la Fuente, biotecnólogo galego e profesor na Universidade de Pensilvania, onde lidera un laboratorio de investigación especializado en crear antibióticos con ordenadores a partir de moléculas naturais. Coñecido polo público xeral por desenvolver un test de baixo custo para detectar a covid-19, foi nomeado polo MIT (Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts) como un dos 35 mozos máis innovadores do mundo con menos de 35 anos, e galardoado co Premio Fundación Princesa de Girona Investigación Científica 2021.

Detalles

Comezo:
Xuño 2 @ 8:00 AM
Remate:
Xuño 6 @ 5:00 PM
Custe:
De balde
Páxina web:
https://galicia.makerfaire.com/gl/959-2/

Protagonista

Maker Faire Galicia
Páxina web:
https://galicia.makerfaire.com/

Recinto

Evento Virtual