Startup Galicia da man: conectando coas ideas da comunidade

Startup Galicia da man: conectando coas ideas da comunidade

Somos a comunidade que facemos. Non existe Startup Galicia se non existe a dinámica de comunidade, impulsada polas persoas que participan nela, emprenden e desenvolven proxectos relacionados coa innovación e a tecnoloxía. Por esta razón, un dos obxectivos que pretendemos acadar- e que está presente xa no manifesto de Startup Galicia – é a posta en marcha de iniciativas de mentorización, formación e financiamento de proxectos.

Mentorizar significa transmitir coñecemento e experiencia dunhas persoas que participan na comunidade a outras. Así mesmo, mentorizar implica tamén axudar a que as persoas que queiran facer medrar o seu proxecto empresarial desenvolvan unha perspectiva ampla do empredemento que lles permita analizar e tomar decisións da mellor maneira posible. Partindo deste principio e do interese de Startup Galicia por seguir construíndo comunidade, axudando a que esta sexa cada vez máis rica e ampla, xorde Startup Galicia da man, unha iniciativa de mentorización de proxectos empresariais que se desenvolverá dentro do programa de actividades da Maker Faire Galicia, evento que este ano terá lugar do 18 ao 22 de novembro. Pero, qué é Startup Galicia da man?

Unindo persoas con ideas e persoas que emprenderon

Tes unha idea empresarial pero non sabes como desenvolvela? Es un xenuíno “maker” pero non tes claro como estruturar o teu modelo de negocio? Queres crear unha empresa que se poida escalar? Se a resposta ás cuestións anteriores é un “Si” rotundo, a comunidade “estartapeira” galega quere botarche unha man! 


Como? Soamente tes que contarnos a túa idea e os experimentados integrantes de Startup Galicia, persoas expertas en diversas materias (tecnoloxía, empresa, financiamento, etc), falarán contigo para orientarte.

Participa en Startup Galicia da man

Os pasos para participar son moi sinxelos:

  1. Colle un caderno ou un documento dixital e describe a idea que che leva dando voltas nos miolos dende fai tempo.
  2. Cubre o seguinte formulario contando a túa idea e indica o teu correo electrónico.
  3. Dentro dunhas semanas, contactaremos contigo para que nos indiques a túa dispoñibilidade horaria para conversar co equipo expert@s de Startup Galicia.
  4. Rexístrate na Maker Faire Galicia. Con iso, poderás acceder á mentoría e a moitas máis actividades.
  5. No horario e a data que escollas, conectaredes por vídeo-chamada durante 40 minutos. Desta forma, a persoa do equipo de Startup Galicia coa que fales poderá guiarte sobre os seguintes pasos para converter a túa idea nun proxecto real (e rendible!), conectarte con persoas relevantes, etc

Anímate a participar! E non teñas vergoña de contarnos a túa idea, a mellor forma de avanzar é compartindo! Ademáis, non deixes de prestar atención ás diversas actividades que se van desenvolver de xeito virtual na Maker Faire Galicia deste ano.

startupgal
No Comments

Sorry, the comment form is closed at this time.