Startup Galicia: creando comunidade, construindo ecosistema.

Talento, capital, comunidade, cultura e marco lexislativo. De acordo co UP Global Whitepaper: Fostering a Startup and Innovation Ecosystem”, estes son os cinco elementos que é preciso conxugar para favorecer o desenvolvemento de novos ecosistemas emprendedores nun territorio. No caso de Galicia e o ecosistema emprendedor galego, a asociación Startup Galicia busca traballar sobre eses cinco elementos coa finalidade de facer medrar ó ecosistema e impulsar o emprendemento nas vilas e cidades galegas.

Para as persoas que formamos parte desta asociación, impulsar o emprendemento galego debe traducirse en tres accións. En primeiro lugar, traballar en prol da construción dunha verdadeira comunidade cada vez máis numerosa de persoas emprendedoras. En segundo lugar, facer que as persoas desta comunidade estean cada vez máis e mellor conectadas e, por último, construír un contexto favorable á xeración e creación de novas iniciativas emprendedoras.

+ persoas emprendedoras, + conectadas e traballando nun contexto + favorable ó desenvolvemento das súas iniciativas emprendedoras son as tres áreas nas que se agrupan as accións a desenvolver por Startup Galicia.  

  • + persoas emprendedoras.

O crecemento do noso ecosistema emprendedor pasa por formar novas persoas emprendedoras que se incorporen a el. Para conseguilo, dende Startup Galicia vertebramos as nosas accións formativas en dous eixos: o de dar a coñecer o emprendemento entre as persoas máis novas e o de ofrecer apoio experto e baseado na experiencia ás persoas que queiran emprender, acompañándoas dende a idea ata o mercado.

  • + conectadas.

Startup Galicia nace da constatación de que no noso territorio existe un número cada vez maior de persoas e organizacións que desenvolven actividades, proxectos e eventos relacionados co emprendemento e o seu fomento. Porén, actualmente existe unha falta de conexión entre as persoas e organizacións responsables da execución destas iniciativas. Esta desconexión non só impide aproveitar as sinerxias que poderían derivarse dunha execución coordinada de ditas iniciativas, senón que tamén lastra a posibilidade de o encontro entre esas persoas e organizacións dea lugar a novos proxectos que solucionen novos e vellos problemas.

Tendo en conta esta situación de partida, a implementación de accións que melloren a conexión entre os elementos que xa forman parte da comunidade emprendedora galega artéllase como un obxectivo clave de Startup Galicia de cara a formar unha comunidade de emprendemento forte, dinámica e colaborativa.  

  • + favorable.

A construción dun contexto máis favorable ó emprendemento será o resultado de ter acadado os obxectivos nas dúas áreas anteriores.

A viraxe de Galicia cara un contexto máis favorable ó emprendemento será consecuencia directa de facer medrar o número de persoas emprendedoras formadas, integradas nunha rede na que se comparte coñecemento, na que a innovación se transfire entre os compoñentes da rede e dentro da que contan con referentes ós que acudir para acompañalas na saída ó mercado.

Se ben este escenario irá artellándose segundo o ecosistema medre, os beneficios derivados do mesmo non serán percibidos unicamente polas persoas que se incorporen ó eido do emprendemento por vez primeira, senón tamén por aquelas que xa forman parte da comunidade. No caso destas últimas, o ecosistema permitirá unha mellor realimentación de esforzos entre startups así como facilitar o acceso ó talento e ós recursos que as faga medrar.

+ persoas emprendedoras, + conectadas, + favorable. Tres eixos que vertebran a actividade de Startup Galicia e nos que se insiren as actuacións da asociación encamiñadas a crear unha comunidade aberta, inclusiva e liderada por persoas emprendedoras co propósito común de apoiar, impulsar e facer crecer o emprendemento en Galicia.

E ti, xa es da comunidade? Agardámoste nas actividades organizadas dende Startup Galicia e convidámoste a unirte á nosa canle de slack e a subscribirte á newsletter para estares ó corrente de todo canto acontece no ecosistema emprendedor galego.