Programas de axuda á internacionalización da Embaixada Británica

 

O pasado mes, en Startup Galicia tivemos a oportunidade de conversar persoalmente con Cristina Monteiro, asesora en expansión internacional na Embaixada Británica en España. Durante este encontro, trasladounos que o obxectivo do Departamento de Inversións da Embaixada Británica para o que ela traballa en Madrid é facilitar ás empresas españolas o seu establecemento no Reino Unido mediante servizos de axuda á internacionalización. Segundo indicou durante a conversa, este servizo é de balde para a empresa e confidencial.

De acordo co explicado por Cristina Monteiro, este servizo vai dirixido a empresas que mostren unha interese real por contar con presenza física en Reino Unido, por darse de alta no Rexistro Mercantil Británico e por ter alí, polo menos, unha persoa empregada baixo a filial. No que á presenza física se refire, esta pode ter a forma dunha oficina, local ou co-working. A estas empresas, o departamento de inversións da Embaixada Británica ofrécelles información e axuda para procurar o mellor emprazamento, coñecer o mercado, eventos e asociacións sectoriais, principais competidores, potencial noutras cidades, comparación de salarios e custe de vida entre cidades, así como axuda á exportación, axudando ás empresas españolas a medrar dende a súa filial en Reino Unido cara outros países.

Ademais, explicounos que o feito de que este servizo de expansión internacional sexa executado por un organismo gubernamental, dependente do goberno británico, permite acceder a outros servizos tales como a identificación de cadeas de suminsitro local e a aceleración de planificación e acceso á administración local.

Cristina Monteiro concluiu a xuntanza facendo fincapé en que abrir unha filial no Reino Unido é máis barato e sinxelo ca en España; o mercado laboral é moi flexible e o Goberno británico está poñendo en práctica iniciativas para atraer inversión de calidade, como por exemplo un imposto de sociedades do 19%,o máis baixo do G20 e que baixara ó 17% en 2020. Tamén nos remarca que dende o Departamento de Comercio Internacional da Embaixada Británica en España non contan con servizos de procura de clientes, distribuidores ou socios senón que a súa axuda vai enfocada a facilitar a implantación da filial. Porén, é posible facilitarlles ás empresas instaladas en territorio británico, datos de empresas e institucións que si ofertan eses servizos.

Datos de contacto:  cristina.monteiro@fco.gov.uk . Tlf: 91 714 63 41.

 

 

 

Vídeo resumo dos servizos de internacionalización ofertados dende o Departamento de Comercio Internacional do Goberno Británico:

https://www.youtube.com/watch?v=VNtE_fC-tGk