O Furancho, a canle de slack de Startup Galicia

O Furancho, a canle de slack de Startup Galicia

Que é?

Na anterior entrada no noso blogue indicamos que as accións desenvoltas por Startup Galicia perseguen tres obxectivos: facer medrar o número de persoas emprendedoras en Galicia (+ persoas emprendedoras), crear espazos de conexión entre elas (+conectadas) e mellorar o entorno no que desenvolven os seus proxectos (contorna + favorable). A creación da nosa canle de Slack “O Furancho de Startup Galicia” constitúe unha das accións encamiñadas a atinxir o segundo deses obxectivos: persoas emprendedoras + conectadas.

Quen pode entrar? 

O Furancho de Startup Galicia é a conta de Slack da asociación Startup Galicia. Este furancho virtual nace co obxectivo de ser un lugar de encontro e de información aberto a todas as persoas que forman parte do ecosistema emprendedor galego. Aínda que o Furancho de Startup Galicia é un espazo moderado, o acceso é libre de xeito que toda persoa que queira entrar a formar parte da comunidade do Slack de Startup Galicia pode facelo a través da seguinte ligazón. Para o rexistro só é preciso dispor dunha conta de correo electrónico.

Se ben é certo que a maioría das persoas que forman parte do Furancho son xa emprendedoras, as portas están abertas a todas as persoas interesadas no emprendemento e no ecosistema emprendedor.  

O funcionamento do Furancho de Startup Galicia.

Antes de acceder ao Furancho, é preciso ter presente que este é un espazo aberto pero moderado no que cómpre respetar as normas indicadas da Netiqueta. De acordo a estas normas, unha vez dentro, o primeiro paso será completar o perfil de usuario. Tal e como se indica na Netiqueta, para facilitarmos a comunicación entre as persoas participantes na canle, recoméndase especificar no nome de usuario a empresa/proxecto e área xeográfica de traballo e/ou residencia.

Deste xeito, a estrutura do nome de usuario/a queda definida da seguinte forma:

Nome Emprendedor (ProxectoLocalización). Por exemplo: María (Amiñastartup – SCQ)

Unha vez completado o perfil, o seguinte paso é identificar as diferentes canles que existen no Furancho. Actualmente o Furancho está artellado en oito canles, correspondéndose cada unha delas cun propósito diferente.

 As canles do Furancho de Startup Galicia:

  • #Presentacións: canle para se presentar ó entrar no Furancho de StartupGalicia. Esta presentación non ten un formato definido senón que cada persoa pode compartir coa comunidade todos os datos que considere de interese sobre a súa empresa, actividade ou produto. Ademais, é posible incluír ligazóns a calquera documento audiovisual (tales como vídeos de presentación de empresa, produto ou entrevista) que amplíen, complementen ou apoien a información recollida por escrito.
  • #Entrevistas: canle creada para facer de maneira ocasional entrevistas virtuais a invitados e invitadas do Furancho. Durante estas entrevistas, a persoa encargada de moderalas pode eliminar unha entrada ou pregunta se a temática non fose a axeitada ou no caso de non se cumprir as normas da netiqueta.
  • #Eventos: canle relacionada coa solicitude, proposta e organización de eventos. Nesta canle recóllense diariamente os eventos organizados dentro do ecosistema emprendedor e anunciados na newsletter de Startup Galicia. Cada entrada inclúe información sobre o evento e permite engadilo directamente ao calendario de Gmail.
  • #Megalinkazos: canle para compartir enlaces a contido de interese.
  • #Novasdoecosistema: canle dedicada a compartir as novas dos medios de comunicación nas que se fala sobre startups galegas.
  • #Tics-educación: canle para discutir sobre iniciativas ligadas á educación e ó uso das novas tecnoloxías.
  • #Traballos: canle na que publicar ofertas de emprego ou para solicitar recomendacións de persoas. Tal e como se indica na Netiqueta, as ofertas de emprego publicadas nesta canle deben estar relacionadas coas startups e o emprendemento.
  • #Xeral: canle para a compartir información de interese para o ecosistema do emprendemento en Galicia que non teña cabida nos apartados anteriores. Nesta canle están presentes todas as persoas rexistradas no Furancho de Startup Galicia.

As persoas participantes no Furancho de Startup Galicia teñan ademais a posibilidade de establecer conversas privadas con calquera membro da comunidade a través da ferramenta de mensaxes directas que inclúe por defecto a aplicación de Slack.

Agora que xa coñeces que é, a quen vai dirixido e como funciona o Furancho de Startup Galicia, só queda que nos poñas cara a todas as persoas que formamos parte da comunidade. Entra no Furancho e suscríbete á newsletter de Startup Galicia para estares informado/a de todo cando acontece no ecosistema emprendedor galego.